O terremoto electoral do domingo desprazou a política catalá cara á dereita. E, ao mesmo tempo, reforzou os extremos do arco ideolóxico que se define en termos de identidade, en prexuízo das posicións centrais. Dúas variables que parecen derivarse directamente das consecuencias da crise económica e da frustración creada polo debate sobre o Estatut.
.Cunha participación case catro puntos por enriba da rexistrada hai catro anos, o que desmonta unha vez máis o mito de que a abstención prexudica á esquerda, as opcións progresistas (PSC, ICV e ERC) perderon 476.829 votos, practicamente un terzo (31,8%) do apoio que recibiran en 2006. Nunha correspondencia practicamente idéntica, os partidos da dereita (CiU, PP, Ciutadans e, agora, Solidaritat sitúanse, aínda que con moi distintos matices, neste ámbito) gañaron case a mesma cifra de sufraxios (448.235) e aumentaron o seu respaldo en idéntica proporción (33,4%). A consecuencia inmediata é un desprazamento da política cara á dereita.
O Parlament que saíu das eleccións de 2006 tiña unha presenza da dereita do 48%. O que determinará a política catalá dende agora mesmo ata 2014 ten un 64% de escanos en partidos situados, dun ou outro xeito, á dereita do arco ideolóxico.
O cambio esquerda-dereita ten enorme relevancia, pero non é o único con transcendencia que tivo lugar o domingo en Catalunya. Se se observan os datos dende a perspectiva identitaria, fanse visibles as consecuencias da fractura social aberta polo Estatut, a norma fundamental catalá que o Tribunal Constitucional acabou anulando parcialmente malia contar co aval dos cidadáns, do Parlament e do Congreso dos Deputados. Dende este punto de vista, os resultados mostran como os votantes migraron dende as posicións máis moderadas, as da esquerda federalista, ata as máis radicais (en diferentes graos) do soberanismo independentista e do españolismo autonomista. O fracaso da estratexia da esquerda federalista (PSC e ICV) para resolver o encaixe de Catalunya en España saldouse cunha perda notable de votos (278.520; un de cada catro), de presenza política (10,63 puntos menos) e de escanos (un retroceso de 11 deputados). Os grupos españolistas (o PP e Ciutadans), en cambio, serviron de refuxio aos que non confían no afondamento do autogoberno e gañaron 89.784 votos (un 20% máis que en 2006) e catro escanos de representación parlamentaria que foron parar á formación de Mariano Rajoy, precisamente o partido que, co seu recurso, provocou a sentenza do Constitucional en contra do Estatut.
Este melloría das posicións españolistas, non obstante, con ser significativa, queda eclipsada polo extraordinario avance das opcións soberanistas que, froito da decepción causada polo fallo do TC, creceron en 166.142 votos (un aumento do 12,2%). Un incremento que, grazas a CiU e Solidaritat e a pesar do afundimento de Esquerra Republicana, lles permitiu sumar outros sete deputados no Parlament.
A consecuencia de todo iso é que o soberanismo, con matices pero cun significativo ingrediente independentista, avanzou na Cámara catalá ata sumar o 56,2% dos escanos, cando na anterior lexislatura os deputados desta tendencia non pasaban do 51,1%. A posición central, representada pola esquerda federalista e que tiña o 36% do Parlament, apenas conta agora cun 28%.
Do interior ás cidades
Da análise territorial cabe extraer tamén algunhas conclusións. Convergència i Unió conseguiu o domingo impoñerse na totalidade das bisbarras catalás, pero non de forma completamente homoxénea. Artur Mas obtivo os seus mellores resultados (por enriba do 50% dos votos) en oito bisbarras repartidas entre o Pireneo e o interior. A cota máxima (54,93% dos votos) alcanzouna na bisbarra da Cerdanya.
Pola contra, as vitorias máis curtas de CiU rexistráronse en tres bisbarras fortemente urbanas e cunha clara implantación socialista: o Baix Llobregat (31,92%), Barcelonès (33,91%) e Tarragonès 35,8%). Son as mesmas, precisamente, nas que o PSC de José Montilla cedeu menos terreo. En Baix Llobregat, por exemplo, a distancia entre socialistas e converxentes foi de só oito puntos (12 menos que a media de toda Catalunya). Paradoxalmente, e malia a súa maior implantación urbana, o mellor resultado de Montilla rexistrouse no Vall d'Aran, en pleno Pireneo (24,6%).
O comportamento do voto nas principais cidades corrobora o retroceso do PSC pero tamén evidencia os límites do triunfo de CiU. Na capital, Barcelona, os converxentes impuxéronse aos socialistas por 18,4 puntos de diferenza, só lixeiramente por debaixo da media catalá. Na cidade condal, na que están censados case o 23% dos votantes de Catalunya, Convergència conseguiu aumentar en 13 puntos os 5,1 que sacou ao PSC nas eleccións de hai catro anos.
En L'Hospitalet de Llobregat, a segunda cidade da comunidade por número de habitantes e eixe do cinto vermello da capital, os socialistas resistiron a duras penas. Os 20 puntos de vantaxe que tiñan sobre CiU en 2006 quedaron reducidos a 4,8. Algo parecido pasou en Santa Colomba de Gramenet, epicentro do caso Pretoria, onde os socialistas seguen sendo os máis votados pero cederon 17 puntos porcentuais á federación nacionalista (agora sepáranos 10).
Terrasa (Barcelona) é o municipio de máis de 100.000 habitantes no que CiU máis se distanciou do PSC: en 2006 gañaron o socialistas por oito décimas. Agora fíxoo Convergència por 17,2 puntos porcentuais.
Publicado orixinalmente en Público.
Continuar Leyendo...
Volver al Resumen...