alternatetext

4/11/10

Eu non te espero

Eu non te espero. E non é que me importe que os teus fieis se reúnan para escoitar as túas palabras (sinto tanto respecto pola relixión como pola cartomancia; non é moito, pero si suficiente como para mirar para outro lado), aínda que, teño que admitilo, si me molesta a túa contribución ao atraso científico.


Non te espero porque, por moito que me esforce, non atopo motivos para simpatizar co que representas. Nin sequera naqueles que, durante séculos, foron a cara amable da túa igrexa, porque neles vexo o mellor do espírito humano pero ningún rastro de divinidade.
Eu non te espero porque, aínda que hoxe condenas con morneza as prácticas pederastas dos teus, as mesmas que durante anos te esforzaches en ocultar, teño a sensación de que só o fas porque a vergoña de tales comportamentos se fixo pública e non te queda máis remedio que sortear o bochorno e eludir a responsabilidade legal que, como cómplice, che corresponde.
Eu non te espero porque te empeñas en non respectar o dereito dos homosexuais a casarse ou o das mulleres a abortar. Non te espero porque che considero cómplice da ignorancia que, pola túa insensata oposición ao uso de preservativos, cada ano custa a vida a máis dun millón e medio de persoas no continente africano.
Eu non te espero. E non é que me moleste (demasiado) que os preparativos da túa santa chegada convertesen a miña cidade nun espazo asediado. O que de verdade me desgusta é que a túa chegada se sufrague con fondos públicos, especialmente cando se fai en nome da promoción de intereses turísticos e se xustifica como unha estratexia económica. Seguro que os que agora apoian o dispendio racharían rechamantemente as súas vestiduras se o patrocinado, en vez de
Ratzinger, fose, por poñer un exemplo, o cienciólogo Tom Cruise, capaz tamén de focalizar a atención global dos medios de comunicación e cuxa fe (non nos enganemos) ten tanto credibilidade coma a túa (polo menos el, que se saiba, non está acusado de agachar abusos a menores).
O peor, e ao mesmo tempo o máis inquietante, é que a mera proximidade da túa chegada fose suficiente para espertar tal onda de intolerancia contra os que disentimos como para obrigarnos a discrepar publicamente. Evitemos que o silencio sexa interpretado como comprensión: protestar contra a túa visita é hoxe un obrigado acto de civilización
.

No hay comentarios: