alternatetext

19/4/07

Na feira


Co voto emigrante pasa como coas feiras: cada quen fala según e como lles vai nelas. Os nosos feirantes subastan estes días as normas e os procedimientos que (des)regulan os sufraxios do exterior pero escamotean, con diversos graos de cinismo, os seus verdadeiros compromisos.

1) Dos tres partidos presentes na ponencia conxunta anunciada no Parlamento para redactar un proposta de reforma da Lei de Réxime Electoral, o PSOE combina a falta de entusiasmo con unha certa preguiza procedimental, o BNG semella máis interesado en poñer en evidencia ás forzas estatais que en impulsar unha reforma útil e o PP só quere enredar a ver se do río revolto das diferencias entre socialistas e nacionalistas consigue saír cargado de peixes.

2) As conversas non inclúen un aspecto capital do problema: Ten algún sentido que voten e decidan
o que pasa no interior determinados residentes do exterior? Nas municipais de maio haberá cidadáns venezolanos, peruanos ou mexicanos que nunca pisaron Galicia, nin teñen intención de facelo, nin pagan impostos aquí pero que van decidir quen goberna nos nosos concellos. E cidadáns venezolanos, peruanos ou mexicanos que viven en Galicia dende hai anos, teñen intención de quedarse, pagan relixiosamente os seus impostos e non terán siquera dereito a opinar sobre quen debe ocupar a alcaldía do seu concello. Os primeiros son fillos de emigrantes; os segundos non. Ten eso sentido?

3) Non hai a menor dúbida de que a ponencia conxunta tan pomposamente anunciada no Parlamento non vai rematar os seus traballos a tempo de que o Congreso dos Deputados considere siquiera a reforma da lei. O que significa que tería que recomenzar o traballo despois das xerais, sen tempo entonces de que sexa de aplicación en Galicia. E volta a empezar.

4) Se de verdade os partidos quixeran cambiar a lei para dar garantías ó voto dos residentes ausentes, xa o terían feito (PSOE, PP e BNG teñen representación no Congreso). Do que só cabe concluir que non queren.

4) Nas municipais de maio terán dereito a decidir ata 316.000 persoas do exterior sen que haxa garantías de que as súas papeletas son efectivamente súas. Nas xerais do ano que ven serán máis e, se ninguén o remedia, o seu número será ainda maior cando chegue o momento de decidir o Gobierno da Xunta, alá polo ano 2009. Eso se a pendente reforma do Código Civil para outorgar a nacionalidade española ós netos dos emigrantes non empeora todavía máis as cousas. Daquela xa será tarde. Cando menos para a democracia.

No hay comentarios: